Desintoxicación

Amarrada a ti como non quixen atarme a ninguén
Propuxéronme como condena sanadora deixar de pensarte
deixar de desexarte
de depender de ti
Adicta a ti
Amado meu
A nosa apaixoada relación tornouse tóxica
Agora, téñote que deixar
Agora, voute deixar
aínda que morra de pena

Dixéronme que tiña que dexintoxicarme do meu tabaquismo e eu dixen que Non, Non, Non! Ohhh… como na famosa canción.

Antes de comezar xa sentín o desalento do fracaso, en min.
Demasiado monóxido de carbono, dixo.
Intoxicada de ti
Do teu fume, adicta a ti sen control, outra canción…

Botarei tanto de menos o teu bico redondo entre os meus dedos, nos meus beizos, da mañá á noite, nas madrugadas, de chuvia e de estrelas fugaces, de Lúa chea.
Sempre comigo.

A nosa relación idílica desde que comezou aos 17 e difuminou ás caladas e caladas, de tabaco rubio e negro, mentolado, aquel primeiro desamor que anoxa o sabor dos bicos máis doces. Afianzouse con 19 e a limerencia, o namoramento cego, xordo, tolo non caeu no aburrimento.

Sempre foi a máis a excitación contigo, sempre pedías máis, outro pito máis, o último pito antes de soñar, o primeiro para volver vivir.

A nicotina como a droga dun amor tóxico que te resístes a esquecer.

E volves….
Fumar e fumar por ese pracer de recuperar o amor perdido
Dopamina para alimentar a fantasía dun mundo tan máxico e enrevesado como o que describiu Tolkien.

O soma dese mundo feliz que non existe.

Ata que a sobredose me deixou nun silencio mortal que resoa na cabeza como os bombos e os fulións de Vilariño, desafinada, perdida, sen rumbo no lodo, outra canción… ou varias.

Como as dores variadas e infinitas, únicas e intransferibles do amor
do amor romántico, dese, tamén se hai que desintoxicar.
Toda esa merda dos amores que matan, os que nunca morren, os que nunca son, os que nunca están nin se lles espera, os covardes, os que non pagan a pena, os que mancan, os que non foron nin serán.
De loito ata que pase a dor, ansiedade, ata que a tristura se torne en segundos de felicidade
e veña o sosego.

Fumando espero
Esperar fumando, fumando e esperando como se foses morrer mañá ou hoxe

Que máis dá?
Vivir así é…
Unha noite menos
Morrer de pena
Ou unha noite máis bailando
Comigo, sen ti.

Propóñome como unha penitencia renovadora deixar de pensarte obsesivamente, deixar de desexarte, de depender de ti, de precisarte a cada momento…

Amado cigarro, meu
Non foi en van o noso amor.

Que te leve o vento amor,
que te leve o vento
lonxe do meu pensamento
lonxe de min
Desde o mar de fóra, coas ondiñas cara o mar adentro dilúete

Ata que nada quede de ti en min

Libérome de ti,
Liberareite de min
Liberareime de ti
Esfumaraste
Que te leve o vento, amor
Desesperadamente túa

Eternamente miña

Sigo loitando contra ti e contra min 
Taxando os pitos
Descontando horas para un novo encontro
Reducíndoos ata a mínima expresión 

Como a gatiña de tres cores cando relambe no pratiño as últimas gotiñas de leite morna e queda con ganas de máis, e lambe e lambe o seu fuciño ata que queda nada.

E logo baleiro, silencio, soidade
Retórcese o meu corpo e non é de pracer.
Sabor a tabaco, cheiro a canela. 
Non está sendo doado 
Liberareime de ti. 

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario